Friday 03 de May de 2024

Clausura dos obradoiros de emprego Brañas do Illó-Río Samo IV e da Mancomunidade de Ordes, que formaron a 40 persoas


O alcalde de Frades salienta que “ademais de seren unha axuda á integración laboral de persoas desempregadas, estes obradoiros son unha forma de acometer pequenas obras de mantemento que aos concellos do rural nos veñen moi ben”

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, clausurou esta mañá os obradoiros de emprego “Brañas do Illó Río Samo IV”, promovido polos concellos de Ordes, Frades e Mesia; e o obradoiro de emprego “Mancomunidade Ordes II”, nos que este ano se formaron un total de 40 persoas desempregadas. Un acto no que estivo acompañado polos alcaldes de Frades, Roberto Rey; Ordes, José Luis Martínez; Mesía, Mariano Iglesias; Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; e Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, así como pola presidenta da Mancomunidade, Susana García.

Trenor felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”. Grazas a un investimento de 1 millón de euros entre os dous talleres, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu a formación de 40 alumnos-traballadores. Estas accións brindan oportunidades aos seus beneficiarios ao abrirlles unha porta ao mundo laboral e contribuír a mellorar os servizos que se ofrecen nas contornas onde se celebran, puntualizou o representante do Goberno autonómico.

Melloras en Frades

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agradeceu a colaboración tanto da Xunta como da Mancomunidade e dos concellos de Mesía e Ordes nestes dous obradoiros pois “ademais de ser unha axuda á integración laboral de persoas desempregadas, ás que desexamos que poidan atopar unha ocupación, tamén é unha forma de acometer pequenas obras de mantemento que aos pequenos concellos do rural nos veñen moi ben”.

O obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo IV formou a 20 persoas desempregadas, durante 9 meses e outros 3 de prácticas en empresas, nas modalidades de repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e actividades auxiliares de conservación e mellora do monte. Cun orzamento inicial de 570.000 euros, dos que algo máis de 66.000 euros foron achegados polos tres concellos participantes, este obradoiro realizou traballos de mellora e posta en valor das áreas recreativas do municipio (Ponte Carballa en Abellá, A Presa en Ledoira, O Muiño de Céltigos e Os Pasos de Aiazo), así como das contornas dos distintos locais sociais das parroquias e lugares como a piscina municipal (Papucín), as prazas de Moar e Papucín, o punto limpo Frades-Mesía (Céltigos), a contorna de San Nicolau (Frades), entre outras actuacións.

Pola súa banda, as 20 persoas do obradoiro “Mancomunidade de Ordes II” formáronse nas especialidades de “Instalación de placa de xeso laminado e falsos teitos” e “Montaxe e instalación de construcións de madeira”. Un taller cunha duración de 12 meses e cuxa actuación centrouse no punto onde se celebrou a clausura do obradoiro: a rehabilitación da estación de ferrocarril da Pontraga (Parada, Ordes).

Novos obradoiros

Na clausura, o delegado da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego de garantía xuvenil dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2023-2024, que permitirá a realización dun total de 6 talleres na provincia da Coruña, onde participarán alumnos e alumnas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego nestes talleres na provincia da Coruña máis de 2,5 millóns de euros e na comarca da Coruña, máis de 840.000 euros.

O delegado da Xunta informou de que, en breve, se notificarán os talleres de emprego duais nos que a Xunta fará un gran esforzo para atender a demanda de todos os concellos. O representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas.

Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar á nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolver un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, despois de 12 meses, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.